Un Miño de dúas caras logra o empate fronte a un bo Guardés

2ª Xornada de Liga - 2ª Autonómica Masculina

  • 16/10/2021 18:45:00
  • 2° Autonómica Masculino
  • BM. Miño vs. Club Balonmán Mecalia Atlético Guardés
Previa

O vindeiro sábado 16 de Outubro, dende as 18:45 h, o Club Balonmán Miño recibe a visita do Mecalia Atlético Guardés no Pavillón Universitario de Ourense.

O equipo do Rosal debuta este ano na categoría, despois de moitos anos nos que o club estaba centrado na súa sección feminina, que tantos éxitos lle ten reportado ao deporte galego. É un equipo con mistura de veteranía e xuventude, con xogadores con ampla experiencia en categorías estatais.

O encontro plantéxase complicado para a escadra ourensán que tentará de sumar os dous primeiros puntos no tabolerio que fagan esquecer a derrota do fin de semana previo na Coruña.

Ambos equipos deleitarán cun bo espectáculo a todos os seareiros que queiran ocupar as bancadas do Universitario.

Post-partido

Vibrante partido o desputado na tarde do sábado no Pavillón Universitario de Ourense.

O Mecalia Atlético Guardés, a pesares de presentarse en Ourense con baixas, amosou que será un dos equipos candidatos a ocupar as primeiras prazas da clasificación ao final da tempada. Dende un principio puxo en apretos ao Miño distanciándose pouco a pouco no marcador. O equipo ourensán estivo moi desatinado sobre todo en defensa durante os primeiros 30 minutos, nos que a pesares de probar diferentes sistemas, en ningún deles logrou o empaque suficiente para deter os ataques do equipo fronteirizo, que se foi ao tempo de lecer cunha vantaxe de 12 a 16.

O segundo acto foi completamente diferente, o equipo azul mellorou o seu rendemento defensivo o que propiciou que paseniñamente fosen recurtando distancias no luminoso ata chegar incluso a poñerse por diante nos últimos minutos de encontro.

Nun último minuto de vertixe, no que o Miño, xogando en inferioridade numérica conseguiu deter o ataque, polémico, posto que os colexiados concederon incorrectamente un tempo morto ao equipo rosaleiro, posto que xa concederan previamente os dous regulamentarios nese período. Os ourensáns tiveron 20 segundos para armar un ataque e lograr a vitoria, pero a falla de ideas evitou que se conseguise un lanzamento claro para obter a vitoria e deixar o encontro no empate a 26 final. 

 

 

Volver ás novas

+